16 microcomportamentos que poden cambiarche a vida
- Javier Cebreiros
- Jul 21
- 4 min read
Updated: Jul 22
Viktor Frankl, tras cinco anos en distintos campos de concentración, dicía que ao ser humano pódeselle arrebatar absolutamente todo, excepto a elección da súa actitude en cada momento.

Hoxe en día, as redes sociais énchense de vídeos que nos animan a soñar, a motivarnos, a ser felices e a emprender. A realidade é que todas estas accións son francamente complicadas. É doado compartir unha mensaxe positiva, pero non é fácil converterse nunha persoa positiva. Por iso, a proposta é empezar por algo máis pequeno e sinxelo: os nosos microcomportamentos.
Trátase de actitudes ou accións que duran segundos, requiren pouco esforzo e son simples de realizar. Cada día temos milleiros e, a pesar da súa brevidade, poden marcar unha gran diferenza na nosa vida. Os próximos cinco minutos, o tempo que esperamos no médico ou as mensaxes que enviamos hoxe, poden cambiar positivamente o noso mundo se decidimos conscientemente o que queremos comunicar.
A continuación verás 16 propostas doadas, directas e efectivas. Anímote a probar algunha. Levo anos compartíndoas en cursos, encontros e foros; comprobando como poden contribuír á mellora do momento e, se se practican con frecuencia, á mellora da nosa forma de ser:
1 | Fai dúas listas que guiarán a túa vida
“Dez cousas que facer antes de morrer” e “dez motivos polos que a miña vida mereceu a pena”. Pénsaas, escríbeas e ponas nun lugar que che permita velas con frecuencia.
2 | Empeza a aprender iso que levas anos querendo aprender
Quizais sexa piano, baile, ioga ou mergullo; pero comeza. Busca academias, profesionais, amigos interesados ou cursos, e esta mesma semana, matricúlate!
3 | Invita a un café ás cinco persoas máis incribles que coñezas
É sinxelo, do modo máis sincero posible, escribe ás cinco persoas máis fascinantes que coñeces dicíndolles: “Podemos tomar un café? Encantaríame coñecer máis sobre o teu traballo ou a túa forma de vida”. Que tes que perder por intentalo?
4 | Imprime as vinte fotos máis valiosas da túa vida
Pégaas nas túa oficina, a túa neveira ou o teu dormitorio. Úsaas de marcapáxinas ou colga vinte marcos nunha parede; pero ten os teus vinte momentos á vista cada día.
5 | Sorprende a unha persoa ao mes
Pode ser unha nota agradable, unha cara riseira ou un agasallo espontáneo (un libro, unha comida ou unha planta, sempre son unha boa elección). Non esperes aos aniversarios para roubar sorrisos.
6 | Sempre que te lembres de alguén, faillo saber
Basta un WhatsApp ou unha nota de voz. Sempre que un bo recordo de alguén veña á túa mente, escribe a esa persoa e dille: “Hoxe lembreime de ti! Es grande!”.
7 | Organiza agora mesmo a viaxe que te ilusiona
Comunícallo aos teus contactos, comparte en redes o teu propósito, comeza un plan de aforro e organiza cada detalle. Trata de conseguir aloxamento gratuíto mediante amigos ou vai a un hotel de cinco estrelas se che apetece. Simplemente, non deixes para mañá a posibilidade de coñecer o lugar dos teus soños.
8 | Abraza á túa nai cada vez que a vexas!
Se aínda tes pai e nai, avó ou avoa, e os queres; regálalles, cada vez que os vexas, cinco segundos máis ao despedirte. Que che dea tempo a abrazalos, ou a facelo máis forte, ou a lembrarlles canto os queres. Son cinco segundos, nada máis.
9 | Escribe unha carta de agradecemento
Gran parte da felicidade radica en darlle sentido ás vidas dos demais. Colle papel e boli e escribe unha carta sincera a alguén a quen teñas moito que agradecer. Tras entregarlla, se as sensacións son inesquecibles, repite este exercicio!
10 | Pregunta con frecuencia: que foi o mellor da túa semana?
Podes cambiar o día de moitas persoas e compartir bos momentos se cambias o “que tal todo?” por un: “que foi o mellor da túa semana?”. Tras a sorpresa inicial, o seguinte é compartir un momento agradable.
11 | Adica un minuto ao día a non facer nada, pero nada de nada!
Respira, pecha os ollos e esquece todo; fai nada! Nese minuto borra calquera tipo de pensamento que veña e déixao para despois. Se o practicas con frecuencia, verás como cambian moitas cousas tras só sesenta segundos.
12 | Merca un libro do tema que máis te fascina
Quizais che guste a filosofía, a historia, o fútbol ou as biografías. Entra nunha librería e comeza ese libro, investiga niso que che apaixona sen dubidar! Como dicía o sabio: “máis ignorante que quen non sabe ler, é quen sabendo ler, non o fai”.
13 | Un día, sae á rúa sen móbil nin reloxo
Se consegues saír con esa liberdade, poderás centrarte no que ves, ouves, sentes ou pensas. Só dese modo volverás experimentar unha vella sensación chamada: pasear.
14 | Pensa cinco cousas gratuítas que poderían mellorar a túa vida desde hoxe
Elixe a máis doada e comeza con ela agora!
15 | Mellora o día das persoas que te atenden
Rétate a espertar un sorriso nesa persoa da administración, o supermercado ou a panadaría. Será difícil, sen dúbida, pero nunca saberás canto necesitaba que alguén o fixese.
16 | Envía a mensaxe máis importante
“Aínda que non cho diga moito, quérote!”. Levo anos practicando este exercicio nos meus cursos, e é a forma máis rápida e efectiva que atopei de demostrarche que es capaz de espertar o mellor no mundo que te rodea. Colle o móbil, e envía esa frase á persoa máis importante da túa vida. Simplemente probao.
Sei que estes microcomportamentos non van cambiar os grandes problemas do mundo; iso é complicado. Aínda que sei tamén que si mellorarán o noso pequeno mundo, e iso é, en certa medida, o paso máis importante.
Javier Cebreiros cebreiros.com
Sobre Javier Cebreiros | Doutor en comunicación, imparte conferencias e forma a equipos empresariais cunha mensaxe propia basada nas emocións e a autenticidade | Instagram · Linkedin · Libro de comunicación (11ª Ed.)
Información para revistas ou blogs | Se desexa compartir este artigo nunha revista ou blog, así como as súas imaxes, póñase en contacto connosco en: administracion@cebreiros.com