A arte de parar para avanzar
- Javier Cebreiros
- Jul 22
- 3 min read
Levo varios anos adestrando a miña capacidade de parar. Quizais poidamos falar dos seus sinónimos: priorizarse, aprender a dicir «non», perpetrar, pensar a longo prazo... cantidade de palabras que parten dun mesmo descubrimento que me cambiou a vida: o autocoidado (grazas querida Alba Nogareda).
Cando foi a última vez que paraches de verdade?

Pode que coñezas esta aprendizaxe pola metáfora do leñador que se para a afiar a machada ou o corredor que se detén a atar as zapatillas para chegar máis rápido. O curioso é que, aínda que sabemos o que é importante para nós, ás veces imaxínome como corredores sen cordóns indo rápido cara a unha árbore e coa machada sen afiar.
Quen che garante que non levas tres anos correndo sen sentido?
De aquí esta proposta: parar para avanzar. En 2016 fixen, por primeira vez, algo tan disruptivo na miña vida como simple para os demais: parar un mes. E non me refiro ás vacacións (necesarias) senón a parar un mes no medio da tormenta; abril ou outubro, por exemplo. No meu caso fíxeno indo fóra, pero podes cambialo por pedir unha excedencia, pechar catro semanas, trasladarte momentaneamente ao rural ou pedir un mes sen traballo e soldo.
Adáptao á realidade que teñas pero, sobre todo, pensa: es capaz de parar un mes? E un ano? Loxicamente, hai mil condicionantes que o dificultan: dende o custo económico ao contorno, pasando polos fillos ou as necesidades básicas. A miña pregunta é: como sabemos que avanzamos ben se nunca nos paramos a pensalo? Pode que parar sexa o máis intelixente nalgún momento? (Pode que incluso sexa o mellor para os teus proxectos, necesidades, fillos ou carreira profesional?)
Oprimidos por moitas circunstancias complicadas esquecemos a importancia deste exercicio entramos nun bucle do que é difícil saír e, por tanto, nunha forma de vida que dificilmente mellorará.
E aínda que a invitación a parar se entende facilmente, a principal dúbida é obvia: como parar nun mundo que vai a toda velocidade? Quero compartir contigo unha das aprendizaxes que máis impacto tivo na miña vida grazas a esas paradas; a ferramenta que fai posible (adaptándose a calquera realidade) realizar este exercicio: desenvolver a nosa capacidade para dicir «non». Eu aprendino sen querer; o simple cambio de contorno adestrouna de forma automática por facilitar moitos «noes».
Resulta que estando en Alemaña non podía ir a unha reunión familiar, un café profesional en Galicia, ver o Celta co meu amigo ou axudar ao meu cuñado coa mudanza. Sinxelamente, tiña o triplo de tempo polo feito de estar noutro lugar e preguntábame: e se isto dependese de min? Por que non me pasa en Galicia? E se parar é soamente aprender a dicir que non?
Dicir que non = dicirse que si.
O meu ámbito é a comunicación e entón entendín: como vou escoitar a outra persoa se non me escoito? Como vou coidala se non me coido? Tiven que chegar á tranquilidade que me deu a pausa e a distancia para comprendelo e, hoxe, aínda recomendándote unha pausa, dígoche que o exercicio máis poderoso é elixir o noso tempo dun xeito no que nos coidemos. Elixir dicir que non ou, o que é o mesmo, elixir dicirse que si; ser sempre conscientes de que podemos elixir (aínda que facelo sexa complicado).
Os Caligaris cantaban algo xenial: «que corran todos los demás, nosotros vamos caminando; para llegar no hay que correr, tan solo hay que seguir andando». Curiosamente, parar é importante para seguir camiñando e chegar lonxe; por iso te animo a dicir «non» e practicar a marabillosa arte de parar para avanzar.
Javier Cebreiros cebreiros.com
Sobre Javier Cebreiros | Doutor en comunicación, imparte conferencias e forma a equipos empresariais cunha mensaxe propia basada nas emocións e a autenticidade | Instagram · Linkedin · Libro de comunicación (11ª Ed.)
Información para revistas ou blogs | Se desexa compartir este artigo nunha revista ou blog, así como as súas imaxes, póñase en contacto con nós en: administracion@cebreiros.com